7.5.15

Sobre a reválida de 3º de Primaria


A Marea Verde do Val Miñor considera que a reválida de 3º de primaria está pensada como un sistema de diagnóstico para clasificar os alumnos, e tamén os centros educativos. Pero os datos obtidos non se van usar para detectar os fallos metodolóxicos, será empregada como un instrumento discriminatorio que penaliza os centros con peores resultados, sen ter en conta a que son debidos (que o centro recolla un alumnado de contornos sociais desfavorecidos, alta porcentaxe de alumnos con necesidades educativas especiais, grupos que requiren atención á diversidade para evitar o abandono escolar...; os recortes que estamos a sufrir fanse sentir precisamente máis neste ámbito). É dicir, este tipo de probas agudizará as desigualdades entre centros e concentrará a marxinalidade, o que non contribúe en absoluto a mellorar a situación de partida, que debería ser o obxectivo.

A nosa non é unha postura dogmática en contra de probas externas, pero para que estas contribúan á mellora da calidade do ensino teñen que ir acompañadas de medidas correctoras, e iso implica máis medios para os centros.

Tal e como se presenta, a reválida non potenciará a formación, senón unha carreira por preparar unhas probas nas que van ganar os bos, os centros que poden seleccionar o alumnado ou ubicados en zonas socialmente privilexiadas. Non é unha reválida para favorecer a igualdade de oportunidades, para que ninguén quede atrás. 

Velaí porque non nos serve esta reválida.

No hay comentarios :

Publicar un comentario