POR UNHA REDE DE
CENTROS DE ENSINO DE GALIZA
A COORDINADORA DE CENTROS DE ENSINO DO VAL MIÑOR MANIFESTA:
Na actualidade estamos asistindo a unha continua
degradación do sistema público. Encadrado nel, o ensino público sofre unha
evidente mingua de calidade que, co pretexto da crise, inclúe
unha nova concepción da educación e discutibles reformas estruturais. O descontento que esta situación orixina na comunidade educativa débese facer evidente dunha forma
efectiva, engadindo ás accións que se están a adoptar en moitos centros de
ensino, novas medidas conxuntas coas que tratamos de visibilizar o noso
descontento. Medidas
"mediáticas" que teñan un impacto social e que poidan ser organizadas
dun xeito rápido e efectivo, procurando obter unha resposta coordinada e
maioritaria.
Conscientes da necesidade de actuar, os centros de ensino
públicos de infantil, primaria e secundaria,
dos tres concellos do Val Miñor (Baiona, Gondomar e Nigrán), acordamos crear
una coordinadora, integrada por representantes da práctica totalidade dos
centros educativos públicos da nosa comarca, que funciona reuníndose
periodicamente cada vez nun Centro, o que ten impulsado o coñecemento da
realidade educativa do noso entorno. A
Coordinadora é un movemento creado dende a base a partir da realidade do noso
traballo cotián e que pretende agrupar a todo o colectivo na defensa do ensino
público.
Un ensino
público, gratuíto e de calidade, é un
dereito que preserva a garantía da igualdade de oportunidades para todos e todas. Neste sentido as dúas
liñas básicas das nosas reivindicacións son, por un lado, o rexeitamento aos recortes, o que
significa, entre outras cousas, a
esixencia da devolución inmediata dos haberes que ilexitimamente se nos teñen
retido, a recuperación do cupo de profesores, a supresión de medidas como os
descontos salariais en caso de enfermidade, feito que consideramos abusivo e
indigno, e esiximos tamén o mantemento e extensión dos comedores escolares.
A outra liña é a oposición á LOMCE.
Neste aspecto, pedimos a retirada
deste proxecto de lei por ser unha lei que transmite un espírito centralizador,
segregador e elitista , ademais de
non resolver os problemas que hoxe ten
o ensino e que requiren un gran esforzo de consenso polas forzas políticas e
sociais, así como ter en conta aos implicados na súa aplicación e
desenvolvemento.
Estas liñas estanse a concretar nunha
plataforma reivindicativa aberta e que recollerá as achegas dos centros que se
vaian incorporando. No noso blog
está publicada a relación de puntos que temos consensuado para a mobilización
no Val Miñor, levados a cabo pola Coordinadora dende o mes de xaneiro e que se concretan nos seguintes:
- Venres negros. Os venres, día de reunión do consello de ministros, profesorado, alumnado, pais e nais e todo aquel que se identifique coa defensa do sistema público de ensino, acudimos ao centro vestidos de negro e concentrámonos nos recreos (secundaria) ou ao comezo da xornada (primaria) na entrada dos centros, manifestándonos con pancartas, música, etc.
- Organización da manifestación do sábado 16 de marzo. A concentración reuniu a máis dun millar de persoas no parque da Ramallosa (centro neurálxico da zona), onde se procedeu á lectura de diversos manifestos por parte dos sectores representados: Coordinadora, ANPAs, alumnado e profesorado.
- Apoio as mobilizacións convocadas polas plataformas sindicais e outros colectivos en defensa do sector público. Como xa dixemos, somos un movemento de base, sen ningunha organización detrás, e non temos interese en substituír nin en competir con ditas organizacións do profesorado. De feito, temos convocado a tódolos sindicatos para informarlles das nosas propostas e chegar a acordos de mutua colaboración.
- Neste momento consideramos que é necesario dar un paso máis e espallar a nosa proposta a toda Galicia e é por iso que:
CONVOCÁMOSVOS A
- Que vos sumedes á marea dos Venres Negros, poñendo pancartas nas entradas dos vosos centros, facendo fotos das vosas concentracións vestidos de negro, e difundíndoas a través da prensa, das redes, do noso blog, da páxina de Facebook, e de todos os medios dos que dispoñades. A forza desta medida está na cantidade de centros que consigamos sumar, se somos poucos non tería moito efecto, pero se somos moitos poderemos mudar as cousas! Animámosvos a que a proposta a fagades a través dun claustro, e se non é posible, a escribades e a pasedes a asinar para conseguir o apoio da maioría do profesorado. A nosa experiencia é que hai un forte malestar no noso colectivo e que hoxe é posible a unidade nun movemento amplo, forte e reivindicativo de persoas de diferentes sensibilidades e de diversas opcións políticas e sindicais na procura duns obxectivos comúns.
- Que vos incorporedes á Rede de Centros de Ensino Público de Galicia. Nós pensamos que se non queremos seguir sendo “suxeitos pacientes”, seguir estando mangoneados, ignorados e ninguneados, se, pola contra, queremos ter capacidade de resposta e de decisión por nós mesmos, temos que crear espazos de participación, colaboración e decisión. Hoxe isto é posible a través das redes sociais e por iso estamos a crear a nosa. O esforzo que se pide é pequeno e a forza e a capacidade de resposta que nos proporciona é moi grande. E como o marco de referencia galego non é suficiente, esta rede, a súa vez,conectaríase coa que se está a crear a nivel estatal da MAREA VERDE, de aí o nome do noso blog.
Para podervos incorporar á rede, enviade un correo
mareaverdedoensino@gmail.com, no que
figuren os nomes e direccións electrónicas dos profesores representantes do
voso centro, e nós vos habilitaremos para que podades subir as vosas fotos,
facer propostas, informar sobre accións, etc. É tamén importante que creedes
coordinadoras de centros por comarcas ou cidades, isto nos permitiría organizar
accións conxuntas e acadar unha maior forza e visibilidade.
Un saúdo
Se queredes máis
información, aquí estamos,
Val Miñor, 17.04.2013
No hay comentarios :
Publicar un comentario