20.2.14

A Marea das Palabras en Praza Pública







Este é o artigo que publica O Patio das ideas de Praza Pública sobre a Marea das Palabras.

Grazas Eli.


Unha marea viva pretende cubrir a ponte da Ramallosa o sábado 22 de febreiro. Unha marea de palabras e frases coa que achegar á sociedade, desde os centros educativos do Val Miñor,  non só a preocupación pola situación que se vive no ensino, senon tamén propostas  sobre que educación se desexa para as xeracións actuais e futuras. A marea de palabras súmase ás mareas verdes e negras que desde hai  algo máis dun ano fan desta comarca o epicentro galego das propostas e protestas organizadas asembleariamente polo profesorado.

O rexeitamento tanto aos recortes en educación  como á orientación da nova lei de educación (LOMCE) , levou  a un colectivo de docentes a buscaren xeitos novos de visibilizar o seu descontento. Conscientes da necesidade de actuar, os centros de ensino públicos de infantil, primaria e secundaria dos tres concellos do Val Miñor-Baiona, Gondomar e Nigrán-acordaron crear unha coordenadora integrada por representantes da práctica totalidade dos centros educativos comarcais. Xurdiu así un movemento espontáneo nos claustros docentes creado desde a base e a partir da realidade do traballo cotiá, que pretende mobilizar principalmente ao profesorado. Desde os seus inincios réunense unha vez ao mes, impulsando o coñecemento do panorama educativo da contorna. A pesar do limitado da súa repercursión máis alá do ámbito comarcal, conseguiron a concienciación e a movilización de sectores que nos últimos tempos se atopaban desmobilizados.Hoxe en día seguen a exemplificar  un exercicio de democracia participativa e asemblearia nun momento de claro retroceso democrático no noso país. A súa aposta estratéxica  é realizar medidas mediáticas con impacto social, susceptibles de seren organizadas dun xeito rápido e efectivo. Exemplo disto  son os chamados venres negros que se convocan desde hai xa máis dun ano.

-“A iniciativa dos venres negros xurdíu en xaneiro do 2013 nun instituto de Vigo. Con ela preténdese lembrar a marea negra de Nunca Máis, a maior movilización cidadá que se ten dado en Galiza, facendo coincidir a protesta co día da semana no que se celebran os consellos de ministros”-explícanos Elisa Suárez,unha das pingas de auga que fan posible a marea do Val Miñor. “A iniciativa consiste en que, aquelas persoas que se identifiquen coa defensa do sistema público de ensino, acudan ao centro vestidas de negro, concentrándose todo o mundo nos recreos ou ao comezo da xornada. A idea espallouse rapidamente pola zona, en abril eramos xa uns 20 centros públicos participando na coordenadora”. Se ben é certo que a forza desta medida está na cantidade de centros que consigan sumar, tamén resulta palpable que paga a pena tentalo: o malestar no colectivo docente é forte, o que fai posible o xurdimento dun movemento amplo, forte e reivindicativo de persoas de diferentes sensibilidades e de diversas opcións políticas e sindicais na procura de obxectivos comúns. “ A nosa  recomendación é que a xente se reúna e empece a mobilizarse.. Pode que ao principio haxa  un so centro participando, ou poucas persoas en varios, pero se se insiste pode espallarse. A  experiencia demóstranos que non sempre estamos todos coa mesma dispoñibilidade, pero hai xente sempre”.
A esta primeira iniciativa seguíronlle, ao longo do curso pasado, concentracións na Ramallosa, peches nos centros, unha cadea humana en praia América, o recibimento-protesta da Volta Ciclista en Baiona… Lonxe de esmorecer no verán, comezaron o novo curso organizando o I Encontro do Ensino Público galego baixo o lema En defensa propia. Este espazo de intercambio e debate entre as diferentes comarcas completouse coa presenza de ponentes de Galiza e Portugal expertos en movementos sociais e educación. 

Na súa vontade decidida de trascender o ámbito comarcal, representantes da marea miñorana participaron este mes de febreiro na xuntanza que se realizou en Madrid, con carácter estatal, co ánimo de lograr a consolidación das mareas pola educación pública como espazo de coordinación de distintos movementos, colectivos, asembleas…que existen na península e nas illas. A urxencia por afondar na liña de traballo xa encetada nalgúns territorios – participación de toda a comunidade e desde a base- foi unha das conclusións principais deste encontro.
No Val Miñor xa teñen percorrido este camiño, servindo de estímulo para o resto do país “Cremos que a xente aprecia todo este esforzo coma mostra do compromiso co ensino público e certos valores implícitos nel: equidade, inclusión, participación. Non pensamos que se vexa como un tema corporativista sen máis”. Todo un logro, que fala xa do éxito desta marea.

No hay comentarios :

Publicar un comentario