3.11.13

Conclusións do I Encontro

Marea Viva. Xosé M. Fachal.
Velaquí quedan as conclusións ao noso I Encontro. O texto é de Mar Platero.


Boas tardes,

Rematamos xa este primeiro Encontro.

Antes de calquera outra cousa, agradecer a vosa participación. Aquí, durante unha fin de semana, pagando, sen un premio impreso en papel que levar a casa e con deberes. Porque isto non queda aquí, do que non podemos adoecer é de non contar, de non difundir, de non espallar a marea.

Moitas grazas, repito, por vir. Por ser optimistas. Estou convencida de que se non o forades estariades nas vosas casas: non creriades na posibilidade do cambio.

As razóns de organizar este Encontro foron varias:

    • A necesidade de coñecernos, de xuntarnos, de contarvos que no Val Miñor fomos quen de organizar unha Coordinadora de Centros de Ensino Público, integrada pola práctica totalidade dos centros desta comarca, e co ánimo de facerlle fronte aos recortes, á LOMCE, e a calquera medida que supoña un detrimento do Ensino Público.
    • A necesidade de coñecer aos que estades noutros lugares, de escoitarvos, de enteirarnos de primeira man das accións que levastes ou quixestes levar a cabo noutras comarcas e das novas iniciativas de cara a este curso que comeza. Dixo Susan George nunha entrevista: “Internet é unha ferramenta estupenda, pero non é o lugar onde ten que levarse a cabo a revolución. Internet pódese utilizar para facilitar a información e a documentación que a xente necesita para formase e apoiar a loita na rúa, pero a protesta só na web non ten potencia.” Tamén falamos desto, do que os novos medios nos facilitan, pero está esa necesidade do contacto.
    • A necesidade de vivir a Marea e de espallala a todos os recantos de Galicia.
      A primeira ribeira á que se vai achegar esta Marea, que se torna viva, é á da Illa de Arousa, o 9 de novembro.
    • O convencemento de que as mareas, os sindicatos, as alumnas e os alumnos, as ANPAS... debemos loitar xuntas. Sempre sumando, nunca restando.

E chegou a fin de semana do Encontro.

Participación: 137 inscricións. 69% do Val Miñor, 31% doutros lugares de Galicia. Grazas.

Somos moitos? Poucos? Só me atrevo a afirmar que, por moito baile de cifras co que intentemos xogar, por moitas voltas que lle deamos a estatística, 5 de cada dez participantes... son a metade.

Grazas por vir.

Comezamos moi ben: Rexina Veiga alentounos afirmando que este tipo de plataformas supoñen o presente e o futuro, aínda que nos sintamos moitas veces “arrombados contra as cordas”. Deleitounos co seu texto, como Pepe Cácamo. Moitos disfrutaban del ao tempo que o facían dunha imaxinaria onda de chocolate La Perfección.

As exposicións dos que conformaron a primeira mesa déronnos claves coas experiencias que contaron. Sacamos que se pode facer. Eso sí, cada centro, coa súa idiosincrasia. Tamén, o importante que é darlle unha parte lúdica, plástica, e creativa. Non só para enganchar ao alumnado, que é importantísimo, senón por nós mesmos. Que todo esto sexa, como nos dicía Amador, un descubrimento e unha experiencia en sí mesmas. Nos citaba Amador a Cortázar: “Tenemos que cambiar la vida, desde la vida”. Defender o que defendemos, pero reinventando e creando, xa que a resistencia, unicamente, non resiste. Sexamos persoas propositivas!

Grazas Jurjo Torres por selo. Por dicirnos que esto merece a pena porque é posible. Por axudarnos a mantermos alerta ante a posible formación doutro senso común conveniente para algúns. Por recordarnos que educar parte dun proxecto político (no bo sentido do termo) e tamén dun acto de amor e de esperanza.

Grazas Ramón Facal por selo tamén e facernos esa outra lectura do informe PISA. Por divulgala, por continuar abrindo unha fenda necesaria entre os medios de comunicación; por recordarnos que non existen diferenzas significativas entre os resultados académicos de centros de ensino públicos e privados.

Non podo aquí resumir as vosas achegas, sería demasiado. Pero todos e todas levamos moito do que nos dixestes na cabeza. Moita enerxía e un traballo estupendo: ordenalo nela.

Amador, que importante aquelo de que se necesita un núcleo duro que estea, pero tamén un gran grupo de xente que vai e vén. Non nos podemos “queimar”, non se pode estar “a tope” en todo. Paréceme unha aprendizaxe para a vida! Grazas.
Neste tempo, ademais, axudaranos a isto o ciberespazo. Aproveitemos esta vantaxe!

E por fin, a Asamblea. O momento e lugar de aprobar as decisións.

Recordemos os acordos.

1. Mobilización o sábado nove de novembro, contra as 12:30, na Illa de Arousa, en solidariedade co director expedientado, Alfonso Malvido.

2. Convocar xuntanzas e asembleas ou claustros nos centros para dar a coñecer o movemento e as propostas que temos. Crear, onde se poida, Coordinadoras de centros.

3. Xeneralizar os Venres negros.

4. Unirse como centros ou comarcas á Marea Verde a través do blog: mareaverdedoensino.blogspot.com.es, creando unha rede galega de centros.

5. Acordar unhas propostas comúns, uns puntos mínimos para a mobilización. Propoñemos como documento base, En Defensa Propia.

6. Crear a Festa do Ensino Público.

7. Continuar cos Peches nos centros.

8. Implicar ás nais e aos pais, e ao estudantado (curso superiores de ESO, bacharelato, Formación profesional, EOI…) participando con eles, abrindo o centro, informando da situación e accións, realizando asembleas coas ANPAs.

9. Realizar accións visíbeis, darnos a coñecer informando.

10. Celebrar novos Encontros noutros centros e lugares.

11. Levar as Aulas á rúa: realizar acción visíbeis, creativas, que sexan atractivas para os medios de comunicación, á vez que nos sirvan para informar da nosa oposición e as nosas propostas.

12. Desobediencia á LOMCE (informarse e informar da nosa oposición ás actuais políticas educativas e de recortes).

Sobre todo, Marea Verde, venzamos o déficit de contar!


Cando por fin parecía que nos podiamos relaxar un pouco, Vichelocrego Teatro aparece
cunha idea nova sobre posible financiamento. Esperamos, así e todo, que todo isto non nos coste un ollo da cara! Menos mal que Tres Peixes Voando nos resarciron un pouco.

Agradecer a Sindicatos, ANPA, por asistir á mesa; é un paso grande no camiño conxunto. E por recordarnos de paso que, se a alguén lle podemos poñer o adxectivo de sostible, é aos avós e ás avoas.

Grazas a Clara Vitorino por achegarnos á realidade veciña. O enorme conflito que hai na educación alén do Miño. E por facelo desa maneira.


Remato cun fragmento dun texto de Guadalupe Jover, profesora de Secundaria e unha das promotoras da plataforma Yo Estudié en la Pública: “Nada de esto nos será dado desde arriba. Combinemos pues, la necesaria denuncia de lo que compete a los poderes públicos, con la energía, el rigor, la audacia y la imaginación que nos permitan construir, entre todos, la escuela que queremos y a la que no estamos dispuestos a renunciar”.

Mar Platero.


No hay comentarios :

Publicar un comentario