Mostrando entradas con la etiqueta Venres Negro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Venres Negro. Mostrar todas las entradas

20.2.14

A Marea das Palabras en Praza Pública







Este é o artigo que publica O Patio das ideas de Praza Pública sobre a Marea das Palabras.

Grazas Eli.


Unha marea viva pretende cubrir a ponte da Ramallosa o sábado 22 de febreiro. Unha marea de palabras e frases coa que achegar á sociedade, desde os centros educativos do Val Miñor,  non só a preocupación pola situación que se vive no ensino, senon tamén propostas  sobre que educación se desexa para as xeracións actuais e futuras. A marea de palabras súmase ás mareas verdes e negras que desde hai  algo máis dun ano fan desta comarca o epicentro galego das propostas e protestas organizadas asembleariamente polo profesorado.

O rexeitamento tanto aos recortes en educación  como á orientación da nova lei de educación (LOMCE) , levou  a un colectivo de docentes a buscaren xeitos novos de visibilizar o seu descontento. Conscientes da necesidade de actuar, os centros de ensino públicos de infantil, primaria e secundaria dos tres concellos do Val Miñor-Baiona, Gondomar e Nigrán-acordaron crear unha coordenadora integrada por representantes da práctica totalidade dos centros educativos comarcais. Xurdiu así un movemento espontáneo nos claustros docentes creado desde a base e a partir da realidade do traballo cotiá, que pretende mobilizar principalmente ao profesorado. Desde os seus inincios réunense unha vez ao mes, impulsando o coñecemento do panorama educativo da contorna. A pesar do limitado da súa repercursión máis alá do ámbito comarcal, conseguiron a concienciación e a movilización de sectores que nos últimos tempos se atopaban desmobilizados.Hoxe en día seguen a exemplificar  un exercicio de democracia participativa e asemblearia nun momento de claro retroceso democrático no noso país. A súa aposta estratéxica  é realizar medidas mediáticas con impacto social, susceptibles de seren organizadas dun xeito rápido e efectivo. Exemplo disto  son os chamados venres negros que se convocan desde hai xa máis dun ano.

-“A iniciativa dos venres negros xurdíu en xaneiro do 2013 nun instituto de Vigo. Con ela preténdese lembrar a marea negra de Nunca Máis, a maior movilización cidadá que se ten dado en Galiza, facendo coincidir a protesta co día da semana no que se celebran os consellos de ministros”-explícanos Elisa Suárez,unha das pingas de auga que fan posible a marea do Val Miñor. “A iniciativa consiste en que, aquelas persoas que se identifiquen coa defensa do sistema público de ensino, acudan ao centro vestidas de negro, concentrándose todo o mundo nos recreos ou ao comezo da xornada. A idea espallouse rapidamente pola zona, en abril eramos xa uns 20 centros públicos participando na coordenadora”. Se ben é certo que a forza desta medida está na cantidade de centros que consigan sumar, tamén resulta palpable que paga a pena tentalo: o malestar no colectivo docente é forte, o que fai posible o xurdimento dun movemento amplo, forte e reivindicativo de persoas de diferentes sensibilidades e de diversas opcións políticas e sindicais na procura de obxectivos comúns. “ A nosa  recomendación é que a xente se reúna e empece a mobilizarse.. Pode que ao principio haxa  un so centro participando, ou poucas persoas en varios, pero se se insiste pode espallarse. A  experiencia demóstranos que non sempre estamos todos coa mesma dispoñibilidade, pero hai xente sempre”.
A esta primeira iniciativa seguíronlle, ao longo do curso pasado, concentracións na Ramallosa, peches nos centros, unha cadea humana en praia América, o recibimento-protesta da Volta Ciclista en Baiona… Lonxe de esmorecer no verán, comezaron o novo curso organizando o I Encontro do Ensino Público galego baixo o lema En defensa propia. Este espazo de intercambio e debate entre as diferentes comarcas completouse coa presenza de ponentes de Galiza e Portugal expertos en movementos sociais e educación. 

Na súa vontade decidida de trascender o ámbito comarcal, representantes da marea miñorana participaron este mes de febreiro na xuntanza que se realizou en Madrid, con carácter estatal, co ánimo de lograr a consolidación das mareas pola educación pública como espazo de coordinación de distintos movementos, colectivos, asembleas…que existen na península e nas illas. A urxencia por afondar na liña de traballo xa encetada nalgúns territorios – participación de toda a comunidade e desde a base- foi unha das conclusións principais deste encontro.
No Val Miñor xa teñen percorrido este camiño, servindo de estímulo para o resto do país “Cremos que a xente aprecia todo este esforzo coma mostra do compromiso co ensino público e certos valores implícitos nel: equidade, inclusión, participación. Non pensamos que se vexa como un tema corporativista sen máis”. Todo un logro, que fala xa do éxito desta marea.

22.5.13

Porque rimos vestidas de negro


PORQUE RIMOS VESTIDAS DE NEGRO

Monte Centelles Farrá

Contra o desmantelamento do ensino público saímos ó patio, como escapadas, correndo, a facer a foto cas camisolas negras dos recortes.

Cada venres hai algún alumno ou alumna máis. Algúns preguntan despois “de qué rimos”.

Cheira un tanto incongruente que saiamos na foto con esa enerxía empática que transmite o riso, o sorriso, a man sobre o ombreiro da compañeira.

Sorrimos para saír ben na foto, coma sempre, e así, sen pensalo, sumarnos ós compañeiros e compañeiras da Marea Negra, e sentir que estamos con eles e cos das outras mareas contra a desfeita, tecendo redes, e por iso rimos.

Os feitos e as ameazas son graves e tristes, pero romper a inercia da impotencia fainos sorrir xuntas nunha foto.

A foto local, feita por alguhna estudante que pregunta que estamos a facer, vina pegada no mural dun cole doutra parroquia , con moitas outras. Gustoume participar, formar parte.

Timidamente arrancou a web onde, seriamente, se explican reivindicacións e estratexias.

A Coordinadora do Ensino do Val Miñor xunta proxectos para facer xunt@s. Queremos espallar o que sucede e facelo visible e combatelo.

“A Maré” estaba na ponte da Ramallosa, e ha chegar á praia, coma chega a auga.



O 15 de Xuño ás 5 da tarde en Praia América, coa mensaxe de ilusión por manter e mellorar o ensino público contra o tsunami da crise e das renuncias, desbotando a irónica pregunta… Por que están a rir?

5.5.13

Venres Negro no CEIP HUmberto Juanes, Nigrán


3 de maio de 2013

Aquí estamos un venres máis. Dado que é o primeiro  venres do mes, concentrámonos diante do concello de Nigrán.

Un saúdo para todas e todos.




28.4.13

Venres Negro no CEIP Humberto Juanes

No Humberto Juanes seguimos   realizando as concentracións dos  VENRES NEGROS. Pensamos que é un xeito de seguir   FACENDO VISIBLE  o noso rexeitamento á situación na que nos atopamos.
Unha aperta para todo o mundo.

26.04.2013