Mostrando entradas con la etiqueta Praza. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Praza. Mostrar todas las entradas

20.2.14

A Marea das Palabras en Praza Pública







Este é o artigo que publica O Patio das ideas de Praza Pública sobre a Marea das Palabras.

Grazas Eli.


Unha marea viva pretende cubrir a ponte da Ramallosa o sábado 22 de febreiro. Unha marea de palabras e frases coa que achegar á sociedade, desde os centros educativos do Val Miñor,  non só a preocupación pola situación que se vive no ensino, senon tamén propostas  sobre que educación se desexa para as xeracións actuais e futuras. A marea de palabras súmase ás mareas verdes e negras que desde hai  algo máis dun ano fan desta comarca o epicentro galego das propostas e protestas organizadas asembleariamente polo profesorado.

O rexeitamento tanto aos recortes en educación  como á orientación da nova lei de educación (LOMCE) , levou  a un colectivo de docentes a buscaren xeitos novos de visibilizar o seu descontento. Conscientes da necesidade de actuar, os centros de ensino públicos de infantil, primaria e secundaria dos tres concellos do Val Miñor-Baiona, Gondomar e Nigrán-acordaron crear unha coordenadora integrada por representantes da práctica totalidade dos centros educativos comarcais. Xurdiu así un movemento espontáneo nos claustros docentes creado desde a base e a partir da realidade do traballo cotiá, que pretende mobilizar principalmente ao profesorado. Desde os seus inincios réunense unha vez ao mes, impulsando o coñecemento do panorama educativo da contorna. A pesar do limitado da súa repercursión máis alá do ámbito comarcal, conseguiron a concienciación e a movilización de sectores que nos últimos tempos se atopaban desmobilizados.Hoxe en día seguen a exemplificar  un exercicio de democracia participativa e asemblearia nun momento de claro retroceso democrático no noso país. A súa aposta estratéxica  é realizar medidas mediáticas con impacto social, susceptibles de seren organizadas dun xeito rápido e efectivo. Exemplo disto  son os chamados venres negros que se convocan desde hai xa máis dun ano.

-“A iniciativa dos venres negros xurdíu en xaneiro do 2013 nun instituto de Vigo. Con ela preténdese lembrar a marea negra de Nunca Máis, a maior movilización cidadá que se ten dado en Galiza, facendo coincidir a protesta co día da semana no que se celebran os consellos de ministros”-explícanos Elisa Suárez,unha das pingas de auga que fan posible a marea do Val Miñor. “A iniciativa consiste en que, aquelas persoas que se identifiquen coa defensa do sistema público de ensino, acudan ao centro vestidas de negro, concentrándose todo o mundo nos recreos ou ao comezo da xornada. A idea espallouse rapidamente pola zona, en abril eramos xa uns 20 centros públicos participando na coordenadora”. Se ben é certo que a forza desta medida está na cantidade de centros que consigan sumar, tamén resulta palpable que paga a pena tentalo: o malestar no colectivo docente é forte, o que fai posible o xurdimento dun movemento amplo, forte e reivindicativo de persoas de diferentes sensibilidades e de diversas opcións políticas e sindicais na procura de obxectivos comúns. “ A nosa  recomendación é que a xente se reúna e empece a mobilizarse.. Pode que ao principio haxa  un so centro participando, ou poucas persoas en varios, pero se se insiste pode espallarse. A  experiencia demóstranos que non sempre estamos todos coa mesma dispoñibilidade, pero hai xente sempre”.
A esta primeira iniciativa seguíronlle, ao longo do curso pasado, concentracións na Ramallosa, peches nos centros, unha cadea humana en praia América, o recibimento-protesta da Volta Ciclista en Baiona… Lonxe de esmorecer no verán, comezaron o novo curso organizando o I Encontro do Ensino Público galego baixo o lema En defensa propia. Este espazo de intercambio e debate entre as diferentes comarcas completouse coa presenza de ponentes de Galiza e Portugal expertos en movementos sociais e educación. 

Na súa vontade decidida de trascender o ámbito comarcal, representantes da marea miñorana participaron este mes de febreiro na xuntanza que se realizou en Madrid, con carácter estatal, co ánimo de lograr a consolidación das mareas pola educación pública como espazo de coordinación de distintos movementos, colectivos, asembleas…que existen na península e nas illas. A urxencia por afondar na liña de traballo xa encetada nalgúns territorios – participación de toda a comunidade e desde a base- foi unha das conclusións principais deste encontro.
No Val Miñor xa teñen percorrido este camiño, servindo de estímulo para o resto do país “Cremos que a xente aprecia todo este esforzo coma mostra do compromiso co ensino público e certos valores implícitos nel: equidade, inclusión, participación. Non pensamos que se vexa como un tema corporativista sen máis”. Todo un logro, que fala xa do éxito desta marea.

11.7.13

Ensino público, gratuíto e de calidade en Gondomar

Artigo de Belén Fernández Lareo en Praza Pública

Desde hai xa máis de dúas décadas traballo como profesora no ensino público e, como sempre apostei pola súa calidade, nunca tiven a menor dúbida en matricular as miñas dúas fillas en centros públicos, tanto de primaria (CEIP Souto Donas) como de secundaria (IES Auga da Laxe). Durante anos comprobei que esta era a mellor opción para elas, dado que lles ofrecía unha formación de calidade, democrática, plural, laica e, aínda que non todo o que eu quixera, na súa lingua materna, o galego. Por responsabilidade como nai, procuro colaborar, na medida das miñas posibilidades, co profesorado das miñas fillas e participar  a través da ANPA na vida dos centros onde estudan. Estou firmemente convencida do positiva e necesaria que é esta colaboración para mellorarmos entre todos, ,nais, pais e profesorado, este excelente servizo público do que disfrutamos ata o de agora.

Neste momento, moitos membros das ANPAs destes dous centros están a manifestar a súa seria preocupación polo futuro do ensino público a través das mobilizacións da Marea Verde do ensino, convocadas no Val Miñor pola coordinadora de centros públicos. No CEIP Souto Donas, na asemblea xeral da ANPA, acordamos enviar un escrito, asinado por 314 persoas, ao Conselleiro de Educación para expresarmos o desacordo coa  decisión política do goberno da Xunta de Galicia de recortar gastos nun sector tan importante como é o do ensino público. Os serios recortes de gastos que o goberno está a aplicar  provocan o deterioro dun servizo que consideramos imprescindible e esencial para albiscarmos algo de esperanza no futuro do noso país e mais dos nosos fillos e fillas. Neste escrito rexeitamos a supresión de 12 centros de ensino públicos e de 132 unidades en Galicia entre o curso pasado e este.

Rexeitamos o que nos parece un auténtico ERE encuberto na Consellería de Educación, que eliminou 315 postos de profesores, despois de que este curso xa comezase con 200 postos de traballo suprimidos. Coidamos que é totalmente insuficiente o número de prazas ofertadas nas oposicións ao ensino deste ano: só se convocaron 200 prazas de mestres e ningunha en secundaria. Se cada vez se están a producir máis xubilacións e non se ofertan novas prazas para profesorado, moito nos tememos que isto vai supor isto unha nova redución de persoal, co conseguinte prexuízo para os nosos fillos e fillas. Haberá un aumento do número de rapaces por aula, e somos conscientes de que isto impide unha correcta atención das súas necesidades, sobre todo cando se trata de nenos e nenas con necesidades educativas especiais: adaptacións curriculares, reforzos, atencións de pedagoxía terapéutica, etc.


Rexeitamos os importantes recortes que o profesorado está a sufrir no seu soldo. Comezaron este curso cobrando un 5% menos có curso pasado, non cobraron paga extra de nadal e neste ano 2013 van ter recortes nas pagas extras de xuño e decembro. A miúdo escoitamos nos medios de comunicación que parte dos problemas do noso sistema educativo se debe ao escaso recoñecemento social do labor dos mestres e as mestras. Nós si  recoñecemos o importante labor que cumpre o profesorado que imparte clase aos nosos fillos. Recoñéceo  a Consellería de Educación pagando cada vez menos cando o traballo vai cada día a máis? Porén, os profesores continúan facendo, cada vez con menos medios, un magnífico labor nas aulas e en múltiples actividades extraescolares que requiren a súa presencia no colexio, incluso en horas fóra do seu horario.
Rexeitamos que os nosos cativos se teñan que ver prexudicados cando o seu profesor ou profesora se ve obrigado a coller unha baixa médica. Agora, durante os 10  primeiros días da baixa a Consellería non está obrigada a enviar alguén que o substitúa. O alumnado perde horas de  clase e ten que ser atendido por profesores de garda, o que prexudica a  formación dos pequenos. Pero non queda aí a cousa xa que, de continuaren os recortes, o profesorado terá que vir traballar, aínda enfermo, se quere chegar a fin de mes. É así como aposta o goberno por un ensino de calidade?
Rexeitamos que sigan diminuíndo as cantidades adicadas á normalización da nosa lingua nos centros de ensino (en toda Galicia baixaron xa un 67% desde o ano 2009). É este o xeito de protexer este patrimonio que se atopa en perigo serio de desaparición? E que dicir das axudas para o servizo de comedor, imprescindible para que moitos pais e nais poidan conciliar a súa vida laboral e familiar? Este curso no CEIP Souto Donas , a axuda da Consellería para comedor baixou  de 4.400€ a 2139€. Máis dun 50%!
Rexeitamos, por último, o Anteproxecto de Lei do Ministro de Educación, señor Wert. Segundo este señor, a LOMCE busca a mellora da calidade do ensino. Discrepamos totalmente e vemos nela moitos tintes ideolóxicos que nada teñen que ver coa calidade. Rexeitámola por ser elitista (aumenta as subvencións ao ensino privado), segregadora (subvenciona colexios que separan ao alumnado por sexos), antidemocrática (o Consello Escolar, onde temos representantes, perde poder á hora de tomar decisións que afectan ao centro), centralizadora (O goberno galego non decidirá como ata agora cales son os contidos que teñen que estudar os escolares galegos),  e antigalega ( a presenza da nosa lingua diminuirá nas aulas).
Estamos dispostos a continuar coas mobilizacións no Val Miñor, como en moitos outros puntos de Galicia e do estado, ata que esta lei tan reaccionaria sexa retirada.
Belén Fernández Lareo
Praza.com
30 de xuño de 2013