7.10.17

Rede galega por unha nova politica educativa



Este é o documento que tomamos como punto de partida para a construcción dunha rede galega por unha nova política educativa:

  1. Principios e finalidades
  • A educación que queremos se fundamenta no principio básico do dereito á educación desde o nacemento e ao longo de toda a vida, así como nos principios de igualdade, laicidade, diversidade, inclusión, sostebilidade, autonomía, convivencia, participación democrática, solidariedade, antiautoritarismo, coeducación. Cunha aprendizaxe cooperativa que sexa participativa, colaborativa e nunca competitiva, implicando na súa consecución a toda a comunidade.
  •  As finalidades da educación que queremos, priorizan a formación intelectual para comprender o mundo no que vivimos e participar na súa mellora; a formación para unha cidadanía responsable, crítica, solidaria e democrática nun mundo pluricultural; o desenvolvemento emocional e a procura do benestar persoal e colectivo da comunidade da que forma parte; a eliminación do sistema patriarcal e o fomento do respecto das múltiples identidades sexuais; a formación para o coñecemento, respecto e implicación na defensa do medio natural do que dependemos; o desenvolvemento da creatividade e da estética e o respecto profundo ás necesidades, aos ritmos e á intimidade das persoas que implica a individualidade de cada nena e neno e a proposta dunha resposta educativa axustada e tamén integral.



  1. A educación como un dereito

    Universalidade do dereito á educación en términos de igualdade e, polo tanto, de gratuidade. A educación pública é a única que pode garantir que o dereito á educación sexa unha realidade asegurando a cohesión social:
  • Oferta suficiente de escolarización pública e gratuíta de 0 a 18 anos que garanta que todo alumno e alumna dispoña dunha praza asegurada no sistema público, de titularidade e xestión pública.
  • Supresión progresiva do financiamento público dos centros privados concertados. Rede única de centros de titularidade e xestión pública que, progresivamente, e de xeito voluntario e negociado, integre os centros privados concertados. Mentres tanto, nin un só concerto máis para a educación privada e supresión inmediata do financiamento a centros que practiquen calquera tipo de discriminación ou non aseguren a gratuidade.
  •  Auditoría da escola privada e pública. Establecer maiores controis sociais e democráticos nos centros educativos e nos procesos de escolarización e esixir máis transparencia no funcionamento e no exercicio profesional da docencia. 


No hay comentarios :

Publicar un comentario