22.9.13

Galiza móvese en defensa do Ensino Público

GALIZA MÓVESE EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO!!
O pasado curso 2012-2013 foron gravísimas as agresións contra o ensino público, empeorando considerablemente as nosas condicións laborais e profesionais e pondo en perigo o mantenemento dun ensino público de calidade, garantía da igualdade de oportunidades no noso país. Perante esta situación foron moitos os centros e as comarcas que comezaron a mobilizarse, visibilizando a nosa indignación e o noso malestar: pancartas nos centros, manifestacións, Venres Negros, coordinadoras, etc. Un exemplo do que se estivo a facer podedes atopalo no blog: mareaverdedoensino.blogspot.com.es

Estas actuacións xurdiron da manera espontánea nos claustros de profesores, e, a pesar do limitado da súa repercusión, por actuaren a nivel local, valorámolas moi positivamente xa que permitiron a concienciación e a mobilización de sectores que nos últimos tempos se atopaban desmobilizados. Supuxeron un exercicio de democracia participativa e asemblearia nun momento de claro retroceso democrático no noso país. Porén, de non sernos quen de superar o ámbito local, este movemento rematará por esgotarse.
É por isto, e porque o deterioro do ensino e o trato indigno ao que estamos sometidos @s traballador@s segue a agudizarse, polo que cómpre coordinarmos os nosos esforzos, intercambiando experiencias e decidindo o camino a seguir neste novo curso. Pretendemos impulsar a incorporación a este movemento reivindicativo de máis comarcas, centros e profesor@s, que participan da nosa sensibilidade, pero que se sinten illados e impotentes.
Para aumentar a nosa forza e termos maior capacidade de resposta é polo que vos convocamos ao I ENCONTRO DO ENSINO PÚBLICO GALEGO, que se celebrará os días 25, 26 e 27 de outubro no Val Miñor (Nigrán, Baiona, Gondomar) baixo o lema EN DEFENSA PROPIA.
Nestes momentos estamos traballando para concretar o programa a desenvolver que, entre as súas liñas principais, incluirá espazos de debate e intercambio de experiencias nas diferentes comarcas, a presenza de ponentes de prestixio de Galicia e Portugal expertos nos temas de movementos sociais e educación e unha asamblea xeral onde decidiremos as liñas de actuación no futuro inmediato. Temos previsto adicar tamén un tempo á festa e á celebración.
Un saúdo da comisión organizadora

Nigrán, 8 de setembro de 2013

No hay comentarios :

Publicar un comentario