
Neste momento, moitos membros das ANPAs destes dous centros están a manifestar a súa seria preocupación polo futuro do ensino público a través das mobilizacións da Marea Verde do ensino, convocadas no Val Miñor pola coordinadora de centros públicos. No CEIP Souto Donas, na asemblea xeral da ANPA, acordamos enviar un escrito, asinado por 314 persoas, ao Conselleiro de Educación para expresarmos o desacordo coa decisión política do goberno da Xunta de Galicia de recortar gastos nun sector tan importante como é o do ensino público. Os serios recortes de gastos que o goberno está a aplicar provocan o deterioro dun servizo que consideramos imprescindible e esencial para albiscarmos algo de esperanza no futuro do noso país e mais dos nosos fillos e fillas. Neste escrito rexeitamos a supresión de 12 centros de ensino públicos e de 132 unidades en Galicia entre o curso pasado e este.

Rexeitamos os importantes recortes que o profesorado está a sufrir no seu soldo. Comezaron este curso cobrando un 5% menos có curso pasado, non cobraron paga extra de nadal e neste ano 2013 van ter recortes nas pagas extras de xuño e decembro. A miúdo escoitamos nos medios de comunicación que parte dos problemas do noso sistema educativo se debe ao escaso recoñecemento social do labor dos mestres e as mestras. Nós si recoñecemos o importante labor que cumpre o profesorado que imparte clase aos nosos fillos. Recoñéceo a Consellería de Educación pagando cada vez menos cando o traballo vai cada día a máis? Porén, os profesores continúan facendo, cada vez con menos medios, un magnífico labor nas aulas e en múltiples actividades extraescolares que requiren a súa presencia no colexio, incluso en horas fóra do seu horario.

Rexeitamos que sigan diminuíndo as cantidades adicadas á normalización da nosa lingua nos centros de ensino (en toda Galicia baixaron xa un 67% desde o ano 2009). É este o xeito de protexer este patrimonio que se atopa en perigo serio de desaparición? E que dicir das axudas para o servizo de comedor, imprescindible para que moitos pais e nais poidan conciliar a súa vida laboral e familiar? Este curso no CEIP Souto Donas , a axuda da Consellería para comedor baixou de 4.400€ a 2139€. Máis dun 50%!
Rexeitamos, por último, o Anteproxecto de Lei do Ministro de Educación, señor Wert. Segundo este señor, a LOMCE busca a mellora da calidade do ensino. Discrepamos totalmente e vemos nela moitos tintes ideolóxicos que nada teñen que ver coa calidade. Rexeitámola por ser elitista (aumenta as subvencións ao ensino privado), segregadora (subvenciona colexios que separan ao alumnado por sexos), antidemocrática (o Consello Escolar, onde temos representantes, perde poder á hora de tomar decisións que afectan ao centro), centralizadora (O goberno galego non decidirá como ata agora cales son os contidos que teñen que estudar os escolares galegos), e antigalega ( a presenza da nosa lingua diminuirá nas aulas).
Estamos dispostos a continuar coas mobilizacións no Val Miñor, como en moitos outros puntos de Galicia e do estado, ata que esta lei tan reaccionaria sexa retirada.
Belén Fernández Lareo
Praza.com
Praza.com
30 de xuño de 2013
No hay comentarios :
Publicar un comentario