30.1.13

POR QUE NOS MOVEMOS?



Queremos manifestar e facer visible o noso rexeitamento, tanto aos recortes efectuados no ensino público como á orientación do anteproxecto da nova lei de educación.
No que se refire aos recortes, as nosas reivindicacións céntrase en:
1°) Rexeitar o deterioro e a degradación do ensino público derivados de:
a) A redución de cadros de persoal dos centros, que ten como consecuencia:
·       A obriga de impartir materias que non son da nosa especialidade
·       O incremento do número de alumnos por profesor
·       O incremento do horario lectivo do profesorado.
b) A redución das medidas de apoio á atención educativa.
2°) Rexeitar o deterioro e a degradación das condicións dos traballadores do ensino, resumidas en:
a) As condicións laborais derivadas dos puntos anteriores: incremento de horarios e ratios, etc.
b) Novas reducións salariais, insultantemente presentadas como un logro polo presidente da Xunta.
c) A penalización salarial nas baixas médicas. Non podemos permitir que por enfermar se nos penalice.
Estes recortes que se nos presentan como necesarios para combater a crise económica son na realidade reformas estratéxicas que conducen a unha posición subsidaria do ensino público fronte ao ensino privado. Esta orientación privatizadora ponse de manifesto nos orzamentos da Consellaría que, recortando os gastos do ensino público, mantén practicamente as subvencións para a privada, aínda nos casos nos que se segrega aos alumnos en función de sexo.
Por outro lado, en canto ao anteproxecto da no va lei, sen entrar nunha análise polo miúdo consideramos inaceptables algúns dos seus aspectos como: a modificación da función directiva, a españolización do ensino, a modificación da carga horaria nalgunhas materias que suporá a súa práctica desaparición, etc.



No hay comentarios :

Publicar un comentario